Monday 13 de May de 2024

O alcalde de Muxía valora moi positivamente o primeiro día de funcionamento da Comisión de Seguimento do COVID-19


Iago Toba, rexedor muxián, quere “agradecer a total colaboración veciñal, que está a chamar só nos casos de urxencia e para informarse desta situación”, destacaba.

O alcalde de Muxía, Iago Toba, valora moi positivamente o primeiro día de andaina da Comisión de Seguimento polo COVID-19. O alcalde quixo “agradecer a total colaboración veciñal, que está a chamar só nos casos de verdadeira urxencia e para informarse da situación”, destacaba.

Neste senso, Toba destaca que “estará no Concello todos os días para xestionar esta crise o mellor posible, en contacto constante coas entidades competentes”. Por outra banda, o automóbil de Protección Civil xa circula polas rúas de Muxía para prestar servizo de voluntariado e atender a todas aquelas persoas que pertenzan ao grupo de risco ou de extrema vulnerabilidade, e que non poidan acudir aos centros de abastecemento ou ás farmacias.

Tamén tivo lugar a reunión cos diferentes portavoces dos grupos políticos municipais para trasladarlles o plan de acción municipal, así como atender a todas as suxerencias que lles poidan surxir.

O rexedor muxián estará en contacto constante co director médico dos centos de saúde da comarca de Fisterra, onde está incluído o Centro Médico de Muxía, para estar informado dos procedementos que alí se realicen. Pola súa banda, o alcalde lembra que “só se atenderán nas dependencias municipais os casos de necesaria urxencia e previa chamada telefónica ao 981 74 20 01. Permanecede nos vosos fogares; tan só así poderemos frear a expansión do coronavirus. Moito ánimo á veciñanza, xuntos pecharémoslle as portas ao coronavirus”, sinalaba Toba.